San Benito   (Por Manolo de Agrelo)

 

Ola a todos!

En primeiro lugar quero presentarme: son Manuel PÉREZ PÉREZ, natural do pobo de Villarmide, na parroquia de San Salvador de Villarmide, aínda que para todos, tanto os coñecidos como aos que non tiven o gusto de tratar persoalmente, vos digo que me gusta que se me trate e coñeza por Manolo de Agrelo.

No seguinte relato trato de facilitar algúns datos que sirvan para esclarecer e dar a coñecer cousas referentes a San Benito, o santo negro da capela do Navallo. Con este relato a todas luces aínda incompleto, intento desmitificar algún dos contos, lendas, e referencias que se fomentaron arredor deste.

Unha das lendas máis antigas, provén dos pobos indíxenas de Sudamérica, en concreto das zonas do que é actualmente Venezuela.

Soamente, a xeito de presentación, direivos que son un emigrante, como tantos de vós, que por motivos de traballo deixei o noso querido pobo e encóntrome na actualidade traballando en Cataluña, pero, nunca perdendo as esperanzas de poder obter un destino na nosa querida terra, caray coa morriña!

Esta morriña fixo que xa hai anos me puxese a buscar, recuperar, estudar e analizar todos aqueles documentos, que ou ben teño na miña casa, ou ben se encontran repartidos en distintos arquivos nacionais, aos que a Deus grazas podo acceder, coa finalidade de recuperar datos sobre o noso pobo e as súas xentes, que por vivir uns feitos que trascurriron en épocas xa afastadas, foron quedando no esquecemento.

Por todo iso, quero aproveitar este canto tan marabilloso para sacar á luz algúns dos datos que posúo e que poden ser de interese para calquera dos veciños da nosa entrañable parroquia. Ante todo, quero dicirvos que non me considero un historiador, Deus líbreme, o único que quero é recuperar algo da nosa memoria histórica e que os nosos descendentes, os cales non tiveron a honra de nacer nin se bautizar na nosa querida parroquia, coñezan algo máis dos nosos costumes e bens tanto materiais coma culturais que nos rodean, e sobre todo que descubran que os nosos tres pobos foron en épocas pasadas uns pobos destacados e con certo renome dentro de vida pública desas épocas.

San Benito   -Lendas-

Esta lenda baséase en que San Benito non naceu negro, se non que dende o seu nacemento era de pel clara, cabelo louro e ollos azuis, polo que era tanto a súa beleza, que todas a mulleres se namoraban del, polo cal lle suplicou a Deus que o protexese contra tal maleficio, xa que el era santo e non podía corresponder aos amoríos desas mulleres. Por tal circunstancia, encomendou unha pregaria a Deus para que lle cambiase a cor da pel, cousa que sucedeu unha noite mentres durmía, espertando Benito coa cor negra da súa pel. E segundo conta a lenda, a partir daquel momento Benito púidose dedicar en corpo e alma e a súa actividade relixiosa, sen que esta se vise perturbada por nada nin ninguén.



Urna de cristal onde se conserva incorrupto o corpo de San Benito, “O Negro”, na igrexa de Santa María de Xesús, na cidade italiana de Palermo.

Outra destas lendas, a cal chegou aos meus oídos a través da xente maior do meu pobo, está baseada nuns feitos similares, aínda que estes facía mención á cor negra da imaxe do santo, lenda que dicía así:

"San Benito fora un santo de pel branca, pero unha vez alcanzada a beatificación, fixéronselle talles de madeira para veneralas no seu nome, pero foi tal a dilixencia do mestre tallador, que esculpiu un talle dunha beleza insuperable, beleza que fixo que a maioría das mulleres quixesen máis o San Benito que os seus propios maridos. Esta situación de "adulterio amoroso", chegou a través do cura párroco a oídos do bispo de Oviedo, o cal ordenou que de inmediato o talle fose pintado de negro,".

Como se ve neste relato, os feitos se narraban dentro dunha época na cal non era moi habitual ter relación con xente de cor, e a estas persoas llas vía como algo estraño e que vivían en lugares afastados, ao tempo que non se podía concibir que unha persoa de pel negra puidese ter esa beleza natural que Deus atribuíu a alguns humanos.

 

Datos históricos

A capela do Navallo é un edificio rectangular, de 6,68x5,40 m., con teitume de madeira a dúas vertentes, alpendre de madeira á entrada, porta con postigo de reixas de madeira e campanil rústico aos pés.

No interior da capela, encontrámonos coas seguintes figuras:

- Un retablo de estípites de 2,10 m. , con tres fornelas, do segundo terzo do século XVIII.

- Unha escultura do titular da capela, San Benito, de medio talle.

- Unha escultura de San Antonio de Padua de 0,42 m.

- Unha San José de 0,38 m, A Nosa Señora do Carmen de medio talle.

- Un S. Antonio de Padua de impoñer, do século XVIII.

- Unha escultura dun Cristo moi pequeno, que parece da arte gótica do século XVI, aínda que o máis seguro é que sexa moi posterior.

Consérvase tamén unha taboíña con relevo dun santo escribindo, quizais poida ser San Lucas, o cal se trata dun talle popular.

Esta capela data aproximadamente da segunda metade do século XVIII, e na súa orixe xa foi destinada ao culto de San Benito.

A iniciativa da súa construción está un pouco confusa, pero nestes momentos estou en disposición de comunicar o seguinte:

Na segunda metade do Século XVIII, a parroquia de San Salvador de Villarmide, era un dos 15.000 lugares en que se encontraba dividido o Reino de Castela. Era tal a poboación da nosa parroquia, que nesta e para atender as necesidades espirituais da poboación, había tres curas, pero unha soa igrexa, a parroquial de Villarmide. Por todo iso, por iniciativa destes tres sacerdotes e o beneplácito do bispado, púxose en marcha a idea de construír polo menos unha capela onde poder celebrar unha misa por semana e que os fieis dos pobos de Villarmirón e Navallo non tivesen que desprazarse ata Villarmide a oír misa e así desatender os seus quefaceres habituais.

Pero esta iniciativa necesitaba o respaldo tanto económico como moral de determinadas persoas, que ao cabo se encontraron unha en Villarmide e outra en Villarmirón, persoas que tiñan recoñecido o rango da Fidalguía.

Con estas persoas e os sacerdotes á fronte da iniciativa, construíuse a citada capela, aínda que a todos os veciños da época lles cabe a honra de ter posto o seu granito de area. Os que non podían achegar diñeiro achegaban o seu traballo.

Da forma en que se decidiu dedicar a capela ao culto de San Benito, e de como chegou a súa imaxe ao Navallo, non podo achegar moitos datos aínda que dos que dispoño se pode deducir que o culto a San Benito partiu de Sicilia (Italia), dende onde foi levado por comerciantes españois e portugueses a aqueles lugares onde se concentraba a poboación de negros africanos lonxe dos seus países de orixe.

 E todo iso polo feito de tratarse do primeiro santo negro beatificado pola igrexa. Estes movementos, fixeron que os primeiros lugares de devoción fosen as poboacións de raza negra de Sudamérica, principalmente en Brasil e Venezuela. Foi aí onde comezou a gran devoción a San Benito "O Negro", fóra da súa Italia natal.

E foi precisamente dende Sudamérica, dende onde chegou esta devoción a España e Portugal, a través de comerciantes, militares e franciscanos. Ao Navallo puido chegar dunha das dúas formas seguintes:

1- Por mediación dun franciscano procedente da parroquia de San Salvador de Villarmide, pertencente á familia de Fidalgos de Villarmide, e que dedicaba os seus esforzos a cristianizar as zonas poboadas por xente de raza negra en Sudamérica, e ao ver a situación pastoral en que se encontraban os seus paisanos decidiu achegar o seu granito de area coa doazón da imaxe.

2- Outro das formas en que puido chegar esta imaxe e posterior culto, é a través das dúas familias de Fidalgos que había na parroquia, os cales e segundo tradición da época tiñan que ter algún familiar dedicado á arte da guerra, e en concreto para realizar expedicións ás zonas máis pobres de Sudamérica, lugares dos que chegou o culto ao noso pobo.


Manolo de Agrelo

Festividade de San Benito "O Negro", o día 4 de abril, na cidade de Maracaibo (Venezuela).

NOTA: Dende aquí quero recordar cariñosamente a todas aquelas persoas que xa non están connosco, e que me transmitiron, a través dos seus relatos, a gran sabedoría que atesouraban e os seus coñecementos sobre a vida dos nosos antepasados.

GRACIAS:

Envíanos os teus recordos a: documentacion@vilarmide.net

-          José e Esperanza do Belcho

-          Xinto de Mariquiña

-          Manuel, Manuela e Consuelo de Xintín

-          Pepe e Concepción de Martín

-          Flor e Amparo de Farruco

-          Toño de Culán

-          Fermina de Agustín

-          Concepción de Pericón

-          Rosa de Pericón

-          ¿Padre de Marcelino?

-          Celestino de Arrieiro

-          Nicolás

-          Soledad e Victorino de Guxo

-          Eustasio, Joseín e Rosa de Torres

-          Soledad de Guxo

-          Pepe e Anxel de Estudiante

-          Mercedes de Varela

-          Eduardo de Petas

-          Francisco de Ordeiro

-          José do Freixo

-          Jesús e Benigno de Agrelo

-          Sinforosa, ¿   ¿José Ramón de Muruáis