Preocúpanos...

O ámbito dos nosos pobos

 

Normativas e regulamentacións van, polo xeral, por detrás do que o uso e a  costume vai demandando. Isto adoita crear certo baleiro legal nalgunhas circunstancias que o seu efecto na vida diaria non sempre é o desexado.


A despoboación que van sufrindo as zonas rurais, o conseguinte abandono das actividades agrícolas e gandeiras e a modificación de usos que se vai dando aos terreos viuse, en boa medida favorecida por unha discutida política de concentración parceira que non sempre produciu os efectos que se previran.

Vista do barrio de Vilanova -Vilarmide- (Agosto de 2010)

Fontiña do Vilar (Fotoegrafía de Silvia Muruáis)

O efecto inmediato da "Concentración" foi unha dramática modificación da paisaxe. Desapareceu a riqueza cromática, as pequenas fontes que xermolaban nalgúns muros, a diversidade de texturas en pequenos terreos.... Amplas pistas de terra sucaron as terras rodeando espazos de cor uniforme. Polígonos parcelados apoderáronse dos pequenos hortos coa intención de rendibilizar as explotacións.


Moitos dos propietarios non viven no pobo, co cal o único uso "racional" que poden dar ás novas parcelas é o repoboación forestal.

Talvez a falta de normativa reguladora, a falta de información e, por que, non a perspectiva dunha rendibilidade a medio prazo, levou a unha desmedida proliferación de parcelas repoboadas de piñeiros e eucaliptos que ameazan mesmo a propia seguridade dos habitantes pola proximidade ao pobo. Unido a iso vai un deficiente estado de conservación das pistas cubertas de maleza, o que as transforma, dun hipotético devasas, a un magnífico vehículo de propagación.

Imponse xa, e principalmente por motivos de seguridade, a adopción dalgún tipo de medidas que poñan fin e corrixan a actual situación. A parte da necesaria concienciación dos propietarios, debérase impoñer a obriga de conservar os terreos e os seus accesos dende a administración, mediante o cobramento de taxas de conservación aos propietarios que non realizaran estas tarefas. Con iso poderíanse crear brigadas de actuación no medio rural o que daría seguridade a propiedades, persoas e animais e, porqué non, contribuiría á creación de emprego na zona.

O paso natural e tradicional, principalmente peonil e agrícola, cara a marxe esquerda do río, é a través da ponte situada no ámbito do muíño de Rocha. Lonxe de ser a ponte que nos une cos nosos veciños de Galegos e demais pobos do Concello de Riotorto, na actualidade "sepáranos" debido ao risco que supón o seu uso.

Se ben é certo que a maior parte das comunicacións se realizan por estrada, a pesca constitúe unha actividade importante no noso ámbito, sen esquecer que o sendeirismo podería converterse nun importante reclamo, se para iso mantemos unha infraestrutura en óptimas condicións e conservamos noso rico ámbito natural.

A construción actual data de 1.965 e o seu estado de conservación é pésimo. Non ten ningún tipo de varanda, a estrutura está cambada e os piares sobre os que se asenta presentan gretas e falta de verticalidade.

O estado da ponte

Fotografía de Outubro de 2010

Opinions, información, solicitude de cursos, actividades ou calquera tema relativo á Asociación de Veciñ@s dirixirse a: secretaria@vilarmide.net