Situado a 13 quilómetros da Pontenova, sede do Concello ao que pertence, é o núcleo máis poboado dos que integran a parroquia de San Salvador. Non hai constancia, ou polo menos non se atopou, da época da súa fundación. Os documentos máis antigos fan referencia a construcións do século XV

A igrexa de San Salvador data de 1787 e é unha construción de planta rectangular, coro, campanario e zona exterior cuberta a xeito de claustro. Como a gran maioría das igrexas rurais da zona, a súa construción é de cachotaría e lousa. A festividade do patrón é o día 6 de agosto e dende fai xa varios anos non se realizan actos festivos debido á falta de poboación. Esta circunstancia está a sufrir (mellor dito celebrando) un proceso inverso grazas á volta ao pobo dalgúns veciños que emigraran, e con motivo da súa xubilación regresaron. Igualmente asistimos, con certo asombro, á chegada de xentes doutros pobos e mesmo doutros países. Sexan todos benvidos.

Vilarmide

 

Ao longo da historia Vilarmide asiste a varios momentos transcendentais para os seus habitantes. Na década dos 30, talvez allea á "gran depresión" financeira de entón, iluminounos a luz eléctrica. Roldaban os anos cincuenta e a estrada non se atreveu a pasar do Val, preto da igrexa, ata case vinte anos despois. O motivo de terse detido alí foi a negativa do párroco á cesión duns terreos polos que debía transcorrer. A década dos anos 60 supón o instante en que os tempos de cambio e apertura do réxime ditatorial, nos ensinan outras realidades fóra do noso limitado ámbito. Chega a televisión.

A luz eléctrica chegou ao Vilarmide dende o muíño de Rocha (ou muíño de Coladas) con 125 voltios que subían dende o río, atravesaban terreos, prados, camiños.... e chegaban ás casas dispostos a xubilar aos antigos candís de aceite, cansados xa de ennegrecer paredes e teitos. Os postes eléctricos cos seus illantes de porcelana ou cristal verde, impuxéronse na paisaxe e foron benditos polos veciños para sempre xamais.

A estrada supuxo a chegada ao noso pobo dos primeiros automóbiles, aos que os cans, e tamén as persoas, tardaron un tempo en afacerse. Non obstante, os pioneiros na actividade do transporte xa estaban entre nós. A familia da casa de Xanón, procedente do Navallo, instalouse en Vilarmide, e coa súa camioneta achegou o imprescindible servizo para que se desenvolvese a produción de carbón vexetal (carbón de uz -breixo-) principalmente, proporcionando o transporte cara ás ferrerías da bisbarra, especialmente Ferreiravella en Riotorto. Os camións eran motivo de asombro e que dicir do primeiro autobús que encheu de fume branco o centro do pobo. O famoso "Rápido". Un autobús que unía o fin do mundo (o noso pobo) con "A ponte". dous domingos ao mes, coincidindo co mercado que se celebra aínda hoxe domingo si, domingo non. ¡ toda unha revolución!!. O Rápido enchíase de cestas con verduras, ovos, coellos, galiñas..... Calquera cousa que se puidese levar para vender no mercado. A parte superior do autobús estaba rodeado dunha varanda onde se amarraban as maletas e onde viaxaban algúns mozos facendo verdadeiros actos de equilibrio para non rematar na cuneta. Entraramos na civilización.

Un medio tan poderoso de propaganda como é a televisión non podía consentirse que os pobos de España quedasen á marxe da súa benéfica influencia. O ministro de Información e Turismo Manuel Fraga, promoveu a creación dunha rede de "teleclubs" nos cales o estado achegaba un aparato de televisión "Telefunken" na súa maioría, e o instalaba nun local público para uso e desfrute dos veciños. ¡ Deus meu...!! Aquilo se que era maxia. Algún non se repuxera aínda do feito de oír falar e cantar a xente metida dentro dunha pequena caixa, e agora non só se oían senón que tamén se vían. O mesmo ministro Fraga se asomaría naquela televisión, en traxe de baño, na praia de Palomares.

Igrexa de San Salvador

Panorámica dos barrios "A Carreira", "O Freixo" y "A Penela"

Vista xeral desde o barrio de  "Cimadevila"    -Foto de Juan Sampayo-

A televisión era de todos pero non todos podían manipulala. Nomeouse unha persoa encargada de acender un transformador branco, cunha tecla e piloto vermellos, e de axustar uns botóns que subían e baixaban a voz, o brillo e.... pouco máis.

Esa persoa non era outra que o moi querido e entrañable José de Varela. Todos o coñeciamos por "SÉ". Para os que non o coñeceron, e para recordalo os que tivemos esa sorte, "SE" era delgado, como case todos, os ollos, moi abertos, trasmitían curiosidade e o eterno sorriso, unha serenidade confiada. Chaqueta de pana marrón, tamén como case todos, e debaixo xersei de pico que cubría camisa de cadros e camiseta de tirantes. Sentábase nunha esquina da Taberna de Germán a observar como os seus veciños xogaban ao Tute e cruzaba as delgadas pernas e as mans sobre os xeonllos como recolléndose sobre si mesmo. Ao falar era moderado no ton e nas palabras, e sempre sorría. O monitor da televisión era un bo home.

Aquel aparato cambiaría as nosas vidas. Chamábanos a atención a calquera hora e con calquera programa que houbese en pantalla.

Nunca entendemos o porqué dunha pantalla con rodas grises de diversos tamaños e música de fondo, que aparecía uns minutos antes de que comezase a emisión.

Polas tardes, ao rematar as faenas do campo, reuniámonos na escola, sede do teleclub, e marabillabámonos de que fose posible ver o que facían e dicían outras xentes tan lonxe de nós.

Pero Vilarmide é máis que historia de grandes acontecementos. A vida transcorreu, moito antes da chegada da "tele", arredor dos terreos, os prados, os montes..... onde os traballos, duros case sempre, eran impensables sen a colaboración dos veciños. Máxicas noites de "esfollaza" onde as bromas, as historias e, como, non os problemas comúns, eran compartidos por todos.

Na parte de abaixo da igrexa hai unha fonte. Alí reuníanse as mulleres, lavaban a roupa e falaban das súas cousas. Alí acudían tamén os mozos a provocar ás mozas e a probar sorte con algún que outro romance.

A taberna, como non podía ser doutro modo, foi o punto de reunión por excelencia. Despois das esgotadoras xornadas no campo acudíase a ver a Serafina e a Germán quen, coa súa bata de mahón azul, servía uns vasos de viño ou de "país", vendía unhas "chirucas", un litro de aceite.... Parada obrigada para os viaxeiros, era o lugar onde se intercambiaban noticias e se realizaban negocios.

Cabozo da familia de Martín

La escola é tamén da década dos 60. O novo edificio veu a suplir outro que forma parte da "Casa Do Freixo" ou Casa de Bravo. Tanto o antigo coma o novo edificio teñen unha construción e superficie similares. Constan de planta baixa, lugar destinado para a aula, e planta superior que se dedicaba á vivenda do mestre ou mestra correspondente.

A fonte

Escola nacional

No antigo edificio o acceso á vivenda realízase dende o interior, mentres que no novo un soportal conduce á entrada da aula e a unhas escaleiras exteriores que nos levan á vivenda. Nin que dicir ten que o ensino era mixto, impartida por un só mestre e cos alumnos de todas as idades compartindo tempo e espazo. Coa despoboación sufrida en toda a área rural e co desenvolvemento das comunicacións, a escola quedou en desuso e hoxe en día preténdese recuperala para actividades de carácter social.

“Escuela de Paz”

Obra de Luisa Paz Montenegro

Hoxe Vilarmide prepárase de novo para outro cambio. As actividades agrícolas e gandeiras van por rumbos moi diferentes e as innovacións técnicas e tecnolóxicas esixen dunhas infraestruturas axeitadas para o seu desenvolvemento. A poboación cambiou moito en cantidade e en expectativas, e esíxese a si mesma e ás institucións novas ferramentas para afrontar novos retos.