Vilarmirón

 

Souben esperar. Pasaron os anos, os séculos.... O tempo.... Implacable tic, tac... segundo a segundo mantívome expectante ata o momento de asomarme ao mundo e saudar os meus. Vinos marchar dende sempre. Dende os tempos en que eramos moitos e entre as miñas casas, camiños e prados non encontrabamos o suficiente para vivir con dignidade, ata momentos máis recentes en que voces de progreso e oportunidades encantaron aos poucos que quedaban.

 

Hoxe véxome só. Polos meus camiños xa hai moito que non cantan os eixes dos carros nin resoan cascos de cabalos. Nin tan sequera picotean as galiñas nin choran nin rin os nenos.

Como podedes observar os meus, como bos galegos, sempre foron aventureiros e soñadores, é por iso que me asomo aquí non sen certo orgullo, como calquera pai que ve os seus fillos independendizados, respectados e queridos alá onde estean.

Con estes condicionantes non é de estrañar que o carteiro que moitos anos percorreu a bisbarra, o entrañable Adosindo, tivese nacido e vivido en Vilarmirón.

Era alá polo século XVIII cando Matheo Méndez decidiu levar o meu nome, o nome do seu pobo: Vilarmirón, nada máis e nada menos que a Nápoles como tenente do Rexemento Zamora. Logo serían os seus fillos Juan Antonio e Manuel, cuxos primeiros pasos se deron tamén entre os meus camiños e prados, que decidiron que se oíse o meu nome no afastado Perú (Juan Antonio como correxidor da bisbarra de Collaguas), e en Salamanca e México por boca do seu irmán Manuel que foi servente do ilustre académico Ignacio Ceballos.

Non é tristura, non obstante, o que me achega a esta ventá, senón máis ben certo sentimento de satisfacción. Entre as paredes das miñas casas, outros tempos creceron personaxes relevantes que, movidos sempre por un espírito aventureiro, fóronse a descubrir novos horizontes

Casa dos Méndez