Navallo

 

Non deixa de ser paradoxal ter rematado aquí, en terra de emigrantes da que tantos se van. De como rematei no Navallo hai varias versións, pero tal e como corresponde a un personaxe como eu, manterei a incógnita sen resolver sen tomar partido por ningunha. Talvez haxa algo de certo en todas elas.

Por diante de min vin pasar centos de veces carros cargados de herba, "moído", leña... Ao rouco cantar dos eixes foille substituíndo o atronador son dos motores que tractores e segadoras producían camiño dos terreos.

Por diante de min vin pasar tamén a todos os que se foron. Seguramente levaban proxectos cheos de ilusión na mente pero tamén certa tristura no corazón. Moitos deles véxoos volver polo menos unha vez ao ano. Ás veces achéganse a verme e cóntanme sobre aqueles proxectos e sobre aquela tristura que se transformou en sorriso ao tomar a curva da estrada que sobe ata aquí.

Talvez debido á miña rara aparencia espertei certas simpatías entre as xentes da zona. Non é nada doado, e érao aínda menos no século XVIII, encontrar un negro nestas bisbarras. Colocáronme nunha pequena, pero moi acolledora capela situada no centro do pobo, lugar verdadeiramente privilexiado posto que dende a miña posición vexo todo o movemento dos que van e veñen.

Dende a miña posición privilexiada no altar da capela consagrada a min "San Benito, vin rir e crecer os nenos, suspirar aos mozos e chorar os vellos. Podería tranquilamente escribir miles de páxinas con todas as cousas que me contaron en segredo. Desexos, penas, pregarias, tamén alegrías.... pero son segredos, os meus segredos. Constitúen a esencia máis íntima de todos os que viviron aquí ao longo dos séculos.

Os poucos que aquí quedan fixáronse como meta conservar o lugar e convocar os seus. Non sen certo orgullo teño que dicir que entre eles, me poñen como escusa para volver de cando en vez, sobre todo o Sábado Santo, que se celebra a festividade na miña honra.

Tampouco hai tanto que diante do altar, fronte a min, había no chan unha lousa que evitaban pisar todos aqueles que querían casar. Hoxe contemplo, con simpatía hei de recoñecelo, como se cambiou o uso dunha nave para convertela en "disco-corte", como se loita por manter vivo o pobo con actos de irmandade entre antigos veciños, familiares e amigos e como tamén, din que grazas a min, algunhas caras novas aparecen de cando en vez polos camiños do pobo.

¡Como cambian os tempos!! Non hai tanto vía pasar, con dirección a Villarmide, aos mozos o Domingo de Ramos, cargando con desmesuradas ramas de loureiro para competir polo ramo máis grande. Eses mesmos mozos partirían a principios de verán a segar a Castela como xornaleiros.

Quero manifestar dende aquí que, aínda que non sexa o orgullo un sentimento propio de santos, me sinto orgulloso dos fillos do Navallo, recoñecido pola súa devoción cara a min e moi honrado por rematar aquí neste pobo despois de percorrer tanto mundo.

Dende esta ventá cara ao mundo quero abrazar a todos os que dalgunha forma teñen algún vínculo co Navallo, invitar os que nunca viñeron aquí e recordar aos que xa estiveron, que non se lles esqueza volver e contarme como lles vai.

Para saber algo máis acerca da miña azarosa vida, dentro deste mesmo espazo Web no "Canto da Historia" poderán coñecerme un pouco mellor.

A “Disco-corte”

Familia Gayoso-Acebedo

Procesión de “San Benito”