Vilarmide
Nos Vilarmide Vilarmirón Navallo San Pedro Fiz


Asociación veciñal
Onde estamos
Relatos
Imaxes
Caixón de xastre
O Canto da Historia
 

Vilarmide

Situado a 13 quilómetros da Pontenova, sede do Concello ao que pertence, é o núcleo máis poboado dos que integran a parroquia de San Salvador. Non hai constancia, ou polo menos non se atopou, da época da súa fundación. Os documentos máis antigos fan referencia a construcións do século XV

A igrexa de San Salvador data de 1787 e é unha construción de planta rectangular, coro, campanario e zona exterior cuberta a xeito de claustro. Como a gran maioría das igrexas rurais da zona, a súa construción é de cachotaría e lousa. A festividade do patrón é o día 6 de agosto e dende fai xa varios anos non se realizan actos festivos debido á falta de poboación. Esta circunstancia está a sufrir (mellor dito celebrando) un proceso inverso grazas á volta ao pobo dalgúns veciños que emigraran, e con motivo da súa xubilación regresaron. Igualmente asistimos, con certo asombro, á chegada de xentes doutros pobos e mesmo doutros países. Sexan todos benvidos.

 

Igrexa de San Salvador

 
       

 

Panorámica do pobo "A Carreira", "O Freixo" e "A Penela"

 

Panorámica do pobo "Vilanova", "O val" e "Cimadevila"

Ao longo da historia Vilarmide asiste a varios momentos transcendentais para os seus habitantes. A década dos anos 60 supón o instante en que os tempos de cambio e apertura do réxime ditatorial de Franco, encabezados, polo entón ministro Manuel Fraga, traen ao noso pobo tres cousas que marcaría un antes e un despois: a luz eléctrica, a estrada e a televisión.

A luz eléctrica chegou ao Vilarmide dende o muíño de Rocha (ou muíño de Coladas) con 125 voltios que subían dende o río, atravesaban terreos, prados, camiños.... e chegaban ás casas dispostos a xubilar aos antigos candís de aceite, cansados xa de ennegrecer paredes e teitos. Os postes eléctricos cos seus illantes de porcelana ou cristal verde, impuxéronse na paisaxe e foron benditos polos veciños para sempre xamais.

A estrada supuxo a chegada ao noso pobo dos primeiros automóbiles, aos que os cans, e tamén as persoas, tardaron un tempo en afacerse. Os camións eran motivo de asombro e que dicir do primeiro autobús que encheu de fume branco o centro do pobo. O famoso "Rápido". Un autobús que unía o fin do mundo (o noso pobo) con "A ponte". dous domingos ao mes, coincidindo co mercado que se celebra aínda hoxe domingo si, domingo non. ¡ toda unha revolución!!. O Rápido enchíase de cestas con verduras, ovos, coellos, galiñas..... Calquera cousa que se puidese levar para vender no mercado. A parte superior do autobús estaba rodeado dunha varanda onde se amarraban as maletas e onde viaxaban algúns mozos facendo verdadeiros actos de equilibrio para non rematar na cuneta. Entraramos na civilización.

Un medio tan poderoso de propaganda como é a televisión non podía consentirse que os pobos de España quedasen á marxe da súa benéfica influencia. O ministro de Información e Turismo Manuel Fraga, promoveu a creación dunha rede de "teleclubs" nos cales o estado achegaba un aparato de televisión "Telefunken" na súa maioría, e o instalaba nun local público para uso e desfrute dos veciños. ¡ Deus meu...!! Aquilo se que era maxia. Algún non se repuxera aínda do feito de oír falar e cantar a xente metida dentro dunha pequena caixa, e agora non só se oían senón que tamén se vían. O mesmo ministro Fraga se asomaría naquela televisión, en traxe de baño, na praia de Palomares.
 

A televisión era de todos pero non todos podían manipulala. Nomeouse unha persoa encargada de acender un transformador branco, cunha tecla e piloto vermellos, e de axustar uns botóns que subían e baixaban a voz, o brillo e.... pouco máis.

Esa persoa non era outra que o moi querido e entrañable José de Varela. Todos o coñeciamos por "SÉ". Para os que non o coñeceron, e para recordalo os que tivemos esa sorte, "SE" era delgado, como case todos, os ollos, moi abertos, trasmitían curiosidade e o eterno sorriso, unha serenidade confiada. Chaqueta de pana marrón, tamén como case todos, e debaixo xersei de pico que cubría camisa de cadros e camiseta de tirantes. Sentábase nunha esquina da Taberna de Germán a observar como os seus veciños xogaban ao Tute e cruzaba as delgadas pernas e as mans sobre os xeonllos como recolléndose sobre si mesmo. Ao falar era moderado no ton e nas palabras, e sempre sorría. O monitor da televisión era un bo home.

Aquel aparato cambiaría as nosas vidas. Chamábanos a atención a calquera hora e con calquera programa que houbese en pantalla.

Nunca entendemos o porqué dunha pantalla con rodas grises de diversos tamaños e música de fondo, que aparecía uns minutos antes de que comezase a emisión.

Polas tardes, ao rematar as faenas do campo, reuniámonos na escola, sede do teleclub, e marabillabámonos de que fose posible ver o que facían e dicían outras xentes tan lonxe de nós.

Pero Vilarmide é máis que historia de grandes acontecementos. A vida transcorreu, moito antes da chegada da "tele", arredor dos terreos, os prados, os montes..... onde os traballos, duros case sempre, eran impensables sen a colaboración dos veciños. Máxicas noites de "esfollaza" onde as bromas, as historias e, como, non os problemas comúns, eran compartidos por todos.

O Freixo (Fotografía de Espexavi)

Na parte de abaixo da igrexa hai unha fonte. Alí reuníanse as mulleres, lavaban a roupa e falaban das súas cousas. Alí acudían tamén os mozos a provocar ás mozas e a probar sorte con algún que outro romance.

 

A fonte

 
       

A taberna, como non podía ser doutro modo, foi o punto de reunión por excelencia. Despois das esgotadoras xornadas no campo acudíase a ver a Serafina e a Germán quen, coa súa bata de mahón azul, servía uns vasos de viño ou de "país", vendía unhas "chirucas", un litro de aceite.... Parada obrigada para os viaxeiros, era o lugar onde se intercambiaban noticias e se realizaban negocios.

A escola é tamén da década dos 60. O novo edificio veu a suplir outro que forma parte da "Casa Do Freixo" ou Casa de Bravo. Tanto o antigo coma o novo edificio teñen unha construción e superficie similares. Constan de planta baixa, lugar destinado para a aula, e planta superior que se dedicaba á vivenda do mestre ou mestra correspondente.

Escola nacional

No antigo edificio o acceso á vivenda realízase dende o interior, mentres que no novo un soportal conduce á entrada da aula e a unhas escaleiras exteriores que nos levan á vivenda. Nin que dicir ten que o ensino era mixto, impartida por un só mestre e cos alumnos de todas as idades compartindo tempo e espazo. Coa despoboación sufrida en toda a área rural e co desenvolvemento das comunicacións, a escola quedou en desuso e hoxe en día preténdese recuperala para actividades de carácter social.

Hoxe Vilarmide prepárase de novo para outro cambio. As actividades agrícolas e gandeiras van por rumbos moi diferentes e as innovacións técnicas e tecnolóxicas esixen dunhas infraestruturas axeitadas para o seu desenvolvemento. A poboación cambiou moito en cantidade e en expectativas, e esíxese a si mesma e ás institucións novas ferramentas para afrontar novos retos.

 

 

Para calquera consulta ou información acerca desta web dirixirse a: admin@vilarmide.net