| |
Souben esperar. Pasaron os anos, os
séculos.... O tempo.... Implacable tic, tac...
segundo a segundo mantívome expectante ata o momento de asomarme ao
mundo e saudar os meus. Vinos marchar dende sempre. Dende os tempos en
que eramos moitos e entre as miñas casas, camiños e prados non
encontrabamos o suficiente para vivir con dignidade, ata momentos máis
recentes en que voces de progreso e oportunidades encantaron aos
poucos que quedaban.
|
|
Hoxe véxome só. Polos meus camiños xa
hai moito que non cantan os eixes dos carros nin resoan cascos de
cabalos. Nin tan sequera picotean as
galiñas nin choran nin rin os nenos.
|
Non é
tristura, non obstante, o que me achega a esta ventá, senón máis ben
certo sentimento de satisfacción. Entre as paredes das miñas casas,
outros tempos creceron personaxes relevantes que, movidos sempre por
un espírito aventureiro, fóronse a descubrir novos horizontes
|
Era alá polo século XVIII cando
Matheo Méndez decidiu levar o meu nome, o
nome do seu pobo: Vilarmirón, nada
máis e nada menos que a Nápoles como tenente do Rexemento
Zamora. Logo serían os seus fillos
Juan Antonio e
Manuel, cuxos primeiros pasos se deron tamén entre os meus
camiños e prados, que decidiron que se oíse o meu nome no afastado
Perú (Juan Antonio como correxidor da
bisbarra de Collaguas), e en
Salamanca e México por boca do seu irmán
Manuel que foi servente do ilustre
académico Ignacio Ceballos.
|
|
Como podedes observar os meus, como
bos galegos, sempre foron aventureiros e soñadores, é por iso que me
asomo aquí non sen certo orgullo, como calquera pai que ve os seus
fillos independendizados, respectados e queridos alá onde estean.
Con estes condicionantes non é de
estrañar que o carteiro que moitos anos percorreu a bisbarra, o
entrañable Adosindo, tivese nacido e
vivido en Vilarmirón.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|